O Castelo de Vimianzo vai contar coa mellora da iluminación e a renovación da instalación eléctrica

1 minutes read
Castelo de Vimianzo

A Deputación da Coruña abriu o proceso de licitación das obras de reforma da instalación eléctrica de baixa tensión e mellora da iluminación do Castelo de Vimianzo. Por ser un ben de interese cultural (BIC) realizarase a substitución de condutores, mecanismos e elementos de iluminación minimizando a actuación sobre a contorna. Contará cun orzamento de 103.751,96 euros.

Así, a reforma constará das seguintes actuacións: a instalación de cadros eléctricos novos, ademais da nova iluminación e novos aparellos de emerxencia e sinalización. Tamén se instalarán novos condutores onde sexa necesario, e novas canles realizadas en tubaxe de cobre para canalizar os novos circuítos. Instalarase unha nova toma de terra e comprobarase o seu correcto funcionamento en todo o edificio.

A nova instalación cumprirá estritamente todos os requisitos e esixencias básicas en temas de seguridade estrutural e no caso de incendio, así como as esixencias básicas de aforro de enerxía.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, subliñou que este proxecto é unha «continuación da firme aposta provincial polo coidado e posta en valor dun dos elementos patrimoniais máis emblemáticos de Vimianzo e da provincia da Coruña, que acolle anualmente eventos culturais como a Mostra de Artesanía en Vivo».

Pola súa banda, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, quixo agradecerlles «á Deputación, ao seu presidente e a todo o equipo técnico os esforzos porque este proxecto sexa unha realidade», que contribuirá «en gran medida a continuar enxalzando un dos nosos estandartes», subliñou.