O Castro Animado encheu Borneiro de música, tradición e festa nunha viaxe á Idade do Ferro

Borneiro, en Cabana de Bergantiños, vibrou na tarde deste sábado co regreso do Castro Animado, unha festa xa consolidada que ofreceu unha xornada chea de música, arte e gastronomía, facendo revivir o espírito da Idade do Ferro.

Dende primeira hora da tarde houbo encontros entre os habitantes doutros castros convidados, que non quixeron perder esta cita coa tradición. O público asistente gozou dunha ampla oferta gastronómica, con degustacións de produtos típicos da zona, xeados artesáns e refrescantes bebidas castrexas, nun ambiente marcado polos aromas e sabores autóctonos.

Durante toda a tarde, as demostracións de cerámica e artesanía tradicional foron un dos grandes atractivos, ofrecendo ao público a posibilidade de descubrir e adquirir pezas únicas elaboradas de xeito artesanal.

A festa estivo tamén cargada de diversión e animación, cunha variada programación que incluíu xogos populares, a música da banda de gaitas O Son do Castro e as visitas teatralizadas de Yago Espasandín, que conquistaron ao público con historias e personaxes do pasado.

Un dos momentos máis agardados foi o espectáculo aéreo de circo e teatro de Sue Moreno 4.0. Ao caer a noite, a celebración continuou cunhadegustación de churrasco, seguida dunha verbena que animou a todos a bailar ao ritmo das diferentes agrupacións musicais participantes.

Como colofón, non faltou o tradicional ritual da queimada, que puxo o broche máxico a unha xornada inesquecible.

Related posts

Zas acolleu a presentación do libro “Que quede entre nós”

O Festival de Humor da Laracha regresará no mes de maio

A parroquia de Carballo cede un local á asociación Un Paso Máis para facilitar a súa actividade social