O Castro das Barreiras de Vimianzo contará cunha nova escavación antes de decembro

Fonte: vimianzo.gal

  • Destinaranse 15.000 euros reservados da modificación de crédito aprobada en Pleno recentemente

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, visitou o Castro das Barreiras en compañía da concelleira de Cultura, Rosa Blanco Lema, e o profesor Tito Concheiro, arqueólogo a fronte do proxecto. Durante a visita, a rexedora confirmou que o Concello ten reservados 15.000€ da modificación de crédito aprobada no último Pleno para o comezo dunha nova fase de escavación no complexo castrexo descuberto na parroquia de Ogas, a carón da AC-552.

A rexedora e a responsable de Cultura salientaron a coincidencia dos plans municipais cos dos técnicos do proxecto arqueolóxico para converter o Castro das Barreiras “nun equipamento cultural” do Concello de Vimianzo. As previsións dos arqueólogos, explicou Concheiro, é a de deixar a metade do castro a descuberto e a outra metade tal e como está, para poder así “admirar como foi afectando ás construcións o paso do tempo”.

Rodríguez manifestou o interese municipal por lograr o maior aproveitamento cultural, educativo e turístico ao enorme potencial arqueolóxico do Castro das Barreiras no marco dun conxunto patrimonial que Concheiro se atreveu a definir como “único” ao poder concentrar nun perímetro relativamente preto do casco urbano un conxunto castrexo e un castelo medieval. Por iso, a intención final do proxecto é conseguir que a mesma labor divulgativa que agora desenvolve o Castelo se poda estender ao poboamento castrexo das Barreiras.