Despois de adiar a celebración de BioSaúde, prevista para os días 10 e 11 de maio, debido ao mal tempo, o CCA Carballo retomará esta fin de semana a organización da 1ª feira temática arredor do consumo responsable, os hábitos saudables e o respecto polo medio ambiente esta fin de semana. Será o sábado 24 e o domingo 25 na Praza do Concello.
O evento, que se celebrará ao aire libre, pretende ser un espazo de encontro arredor da saúde, o benestar e a natureza, reunindo a doce expositores, na súa maioría locais, procedentes dos sectores da alimentación, cosmética natural, moda sostible, terapias alternativas, nutrición ou produtos de hixiene e limpeza sostible.
Ademais da zona de expositores, que estarán situados no corredor da Praza do Concello, durante toda a fin de semana celebraranse actividades paralelas encamiñadas a concienciar a sensibilizar á poboación sobre diferentes aspectos relacionados coa nosa saúde e o medio ambiente. Así, desde o sábado pola mañá, o público que o desexe poderá asistir á diferentes charlas sobre saúde, nutrición, cosmética natural e estilo de vida sostible, a cargo de profesionais especializados nas diferentes materias. Tamén haberá actividades interactivas e recreativas para o público infantil e adulto, pensadas para fomentar a sensibilización e a educación ambiental. E xa, o domingo pola mañá, terá lugar un showcooking con receitas saudables elaboradas con produtos naturais e de proximidade.
Para garantir o aforo e unha boa organización, recoméndase inscrición previa enviando un correo a info@ccacarballo.com. En caso de dispoñibilidade, tamén haberá entrada libre.
II Pequefeira: volven os/as pequenos comerciantes
Tras o éxito da primeira edición, que tivo lugar durante a Feira das Oportunidades celebrada en marzo, e como parte da programación do domingo 25, os máis pequenos/as da casa terán de novo a oportunidade de vivir de a experiencia de ser comerciantes por unhas horas, fomentando a creatividade, a autonomía e o espírito emprendedor nun contexto lúdico e educativo. Será de 12:00 a 14:00 h, na propia Praza do Concello, previa inscrición a través do enderezo eléctrónico da asociación. Para participar será necesario acudir con produtos artesanais e/ou reciclados, e que sexan respectuosos co medio ambiente.
A Feira “Bio-Saúde” conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e, de maneira moi especial, do Concello de Carballo, que achega recursos materiais e humanos para a celebración deste evento como a cesión dos stands, o uso de espazos no Mercado Municipal, así como outros materiais accesorios e loxísticos.
Desde o CCA agradecen tamén a colaboración da Brigada Municipal de Obras, da Policía Local e do persoal responsable do mantemento do Mercado Municipal, cuxo apoio é esencial para que a feira sexa un éxito tanto organizativo como de participación cidadá.
- Datas: 24 e 25 de maio
- Horario: sábado de 11 a 14 h e de 17 a 20 h | domingo só de mañá
- Lugar: Praza do Concello de Carballo
- Inscricións para charlas/talleres: vía correo electrónico ao CCA (recomendada, pero non
obrigatoria)
Organiza: CCA Carballo
Colaboran: Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello de Carballo
Expositores participantes:
Adega O‘Lagar (alimentación), Aloe Herboristería e estética (estética), Asociación Íntegro (artesanía e reciclaxe), Bio Salón Mesturas (cosmética orgánica), Dípataca (moda sostible, MadeixaLazos (artesanía sostible), Mary Kay (cosmética), Mel e licores Codesal (produtor local), MisterNutrición (nutrición), Mmmm! Xeados (alimentación), Refugallo Zero (cosmética e hixiene natural), UPA! (Espazo barefoot) e Vaenbrand (moda sostible).