O CCA Carballo e a empresa Vázquez y Reino colaboran na dinamización comercial

Germán Riveiro, Evencio Ferrero e Diego Vázquez, na sinatura do convenio.

Ambos selaron un acordo na Alcaldía polo que a empresa asume o financiamento íntegro da instalación dunha “casiña de conto”, como a definiu o presidente do CCA, Germán Riveiro, que vai compartir espazo na Praza do Concello coa árbore luminosa e con outras propostas municipais que pronto se darán a coñecer. Este convenio terá unha duración de tres anos, mediante o cal a empresa construtora achega 10.000 euros para a instalación da casiña, “unha iniciativa moi ambiciosa e bastante custosa que nós sos non iamos poder asumir”, apuntou o presidente dos comerciantes.

O representante da empresa, Diego Vázquez, reiterou o compromiso social de Vázquez y Reino con Carballo, o concello onde ten a súa sede e onde tamén quere contribuír non só á transformación física, a través das obras que leva a cabo, senón tamén á transformación social. “A nosa política de RSC está especialmente centrada en Carballo. Ademais de dar emprego a cen persoas de maneira directa e a outras cen de maneira indirecta, que é o máis importante, para nós tamén é un motivo de satisfacción poder colaborar axudando, na medida en que podemos, a Carballo e ao comercio de proximidade, que tan mal o pasou durante a pandemia”, manifestou.

O alcalde agradeceu a Vázquez y Reino e ao CCA que para formalizar o convenio elixisen a Casa do Concello, “o espazo común que nos representa a todos os carballeses e carballesas”. Evencio Ferrero destacou a importancia do comercio para a dinamización da actividade económica e a “exemplaridade” de empresas como Vázquez y Reino, e engadiu que a colaboración entre distintos sectores é un exemplo de “madurez, de confianza e tamén da implicación que teñen co pobo, que é fundamental para que Carballo sexa ese bo lugar para vivir que todas e todos queremos”.

A casiña de conto do CCA e Vázquez y Reino abrirá as súas portas o vindeiro día 9 ás 20.30 horas, e estará a disposición da rapazada durante todo o Nadal.