O CCA Carballo entregou as tabletas aos gañadores da campaña “A voltas co cole”

2 minutes read

O pasado venres 3 de outubro, o Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo fixo entrega das cinco tabletas de 10 polgadas aos gañadores do sorteo celebrado o día 26 de setembro, no que participaron os 12 acertantes das cinco parellas do xogo “A voltas co cole”. A actividade desenvolveuse nas xornadas do 5 e do 19 de setembro na Praza do Concello.

As persoas premiadas foron Sandra Navaza Gestal, Tania Jiménez Canedo, Sandra Mª Rama Pose, Silvia Lamas España e Manolita Pena Cameán. Todas elas recibiron de mans de Otilia Fornis, vogal da entidade e representante de Informática Valem, unha tableta de 10’’ con 4 GB de RAM e 128 GB de memoria interna, valorada en 130€ cada unha.

Ademais, o propio día de participación no xogo, as gañadoras obtiveron un cheque de 50 euros por facer pleno no panel. Estes vales puideron empregalos nos máis de 90 establecementos asociados ao CCA, e xa foron utilizados para axudar a sufragar parte dos gastos relacionados coa volta ás aulas.

A presidenta da asociación comercial, Silvana Rama, subliñou a importancia desta iniciativa: “Estamos moi satisfeitos porque, ademais de promover o consumo local e premiar a fidelidade da clientela, contribuímos a aliviar os gastos de setembro, un mes especialmente duro para as familias con fillos e fillas en idade escolar”.

A campaña “A voltas co cole”, desenvolvida entre o 18 de agosto e o 19 de setembro en 26 comercios locais, repartiu numerosos premios como material escolar, agasallos directos, descontos en tendas, entradas de cine, experiencias en camas elásticas, clases de surf e dúas tardes de xogos e diversión en familia na Praza do Concello.

Desde o CCA destacan o éxito da convocatoria, tanto polo nivel de participación como pola acollida entre pequenos e maiores. “Foi unha experiencia positiva e entretida que seguro repetiremos moi pronto. Grazas a todas as persoas que se achegaron a participar e, sobre todo, parabéns ás gañadoras. Agora só queda desfrutar dos premios dunha forma seguro e responsable”, concluíron desde a entidade.