Foi entregada tamén a recadación solidaria de 317 € a Un Paso Máis.
O Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo fixo entrega, na tarde do venres 16, dos cheques correspondentes á Globoteca de Nadal aos dous gañadores desta edición: José Miguel Veiga Garrido e Vanesa Cabeza Barca. O acto tivo lugar nunha céntrica e comercial rúa de Carballo e contou coa presenza da presidenta do CCA, Silvana Rama Corral, quen agradeceu ás persoas premiadas a súa confianza e a súa aposta polo comercio local durante a campaña de Nadal.
Cada un dos premiados/as dispón de seis meses, ata o vindeiro 9 de xullo, para gastar os 73 cheques nos establecementos adheridos á campaña. Trátase dun amplo e variado conxunto de comercios que abrangue sectores moi diversos, como moda para toda a familia, puericultura, deporte, calzado, ferraxarías, moblerías, informática, electrónica ou librarías, entre outros.
Un ano máis, énchenos de satisfacción comprobar a alegría e ilusión que este tipo de premios esperta nos consumidores/as, e que contribúe a dinamizar o comercio local, premiar a fidelidade da clientela e fomentar o consumo responsable e de proximidade.
Recadación solidaria IpeKecrossfit
Así mesmo, esta semana o CCA Carballo fixo entrega tamén dun cheque por importe de 317 € á entidade carballesa Un Paso Máis, correspondente á recadación do I peKecrossfit Inclusivo, celebrado o pasado domingo día 4 na Praza do Concello dentro da campaña de Nadal. O acto de entrega tivo lugar en Atmósfera Sport, establecemento deportivo asociado á entidade, e contou coa presenza de membros da directiva da agrupación beneficiaria, representantes da empresa patrocinadora Vázquez y Reino e do propio CCA.
A iniciativa, pioneira no calendario de actividades do CCA Carballo, resultou todo un éxito de participación malia as baixas temperaturas e as condicións meteorolóxicas adversas. Un total de 101 nenos e nenas achegáronse á carpa habilitada na Praza do Concello, en horario de mañá e tarde, para participar nunha xornada que combinou deporte, diversión, inclusión e solidariedade a través dun circuíto adaptado con probas de equilibrio, obstáculos, forza, axilidade, saltos e xogos cooperativos, deseñado para garantir unha experiencia segura, accesible e divertida para a cativada.
Ademais, a entidade beneficiaria Un Paso Máis sumou á programación varias propostas de sensibilización, como fútbol con balóns sonoros, percorridos de obstáculos e un circuíto de mobilidade reducida, reforzando así o marcado carácter inclusivo da xornada.
