O CCA Carballo habilita novas prazas para a I peKecrossfit para dar resposta á demanda existente

2 minutes read

Tras o éxito rexistrado durante o período de inscrición da I peKecrossfit, e a piques de rematar o período de anotacións, o Centro Comercial Aberto (CCA) vén de anunciar a ampliación de novas prazas nas franxas horarias destinadas ao público xeral.

Tendo en conta que algunhas quendas esgotáronse xa durante os primeiros días, e ante a existencia de prazas libres nas franxas horarias inicialmente destinadas a nenos e nenas con necesidades de apoio, o CCA decidiu poñer unha parte delas (60) a disposición das persoas interesadas, co obxectivo de atender a demanda existente nas horas que xa se atopaban completas ou case esgotadas, sen prexuízo do carácter inclusivo da actividade.

Deste xeito, ata o vindeiro día 2, habilítanse quince novas prazas para cada unha das seguintes quendas horarias: 12.15, 13.15, 17.15 e 18.30 horas. Os e as interesados/as poderán formalizar a súa inscrición a través da páxina web do Concello de Carballo (carballo.gal).

Con esta ampliación, o CCA busca tamén maximizar a recadación solidaria do evento, xa que a peKecrossfit ten un claro carácter benéfico e os fondos obtidos (3€/persoa) destinaranse á asociación carballesa Un Paso Máis. A medida permitirá seguir sumando recursos económicos para o desenvolvemento de novos proxectos e actividades da entidade social.

A peKecrossfit é unha actividade deportiva e lúdica pensada para nenos e nenas menores de 12 anos, baseada en circuítos de exercicios adaptados ás distintas idades, que fomentan hábitos de vida saudables, o xogo, o compañeirismo e a inclusión. As probas están deseñadas para garantir a seguridade e a diversión de todos os e as participantes. No momento de aboar a inscrición, os/as participantes recibirán un peto conmemorativo do evento co que disputarán

O evento conta coa organización do CCA e coa colaboración de diversas entidades patrocinadoras (Vázquez y Reino) e colaboradoras (Fundación Luis Calvo Sanz, Gadis e o Concello de Carballo), ás que a organización agradece o seu compromiso cunha iniciativa que combina deporte, inclusión e solidariedade.

Desde o CCA anímase ás familias a aproveitar esta nova oportunidade para participar nesta actividade.