O CCA Carballo inaugura unha formación en empaquetado profesional para mellorar a experiencia da clientela

2 minutes read

Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo pon en marcha a formación «Empaquetado profesional para comerciantes», unha nova proposta dirixida a dotar os profesionais do comercio local de ferramentas prácticas para mellorar a presentación dos seus produtos, optimizar os procesos de traballo e reforzar a experiencia de compra.


A formación desenvolverase na Sala Cervantes do Mercado Municipal de Carballo os días 6, 7, 8, 13, 14 e 15 deste mes, cunha duración total de 12 horas, distribuídas en seis sesións de dúas horas cada unha, de 20.30 a 22.30 horas.
O elevado número de inscricións rexistradas levou á entidade a programar unha segunda edición, prevista para finais de mes ou comezos de novembro, na que participarán os comercios asociados anotados que non puideron acceder a esta primeira convocatoria.


O curso será impartido por Andrea López, profesional con máis de 15 anos de experiencia no sector retail, especializada en visual merchandising, marketing comercial, xestión de operacións e desenvolvemento de equipos. Ao longo da súa traxectoria, desempeñou funcións de responsabilidade en compañías como IKEA e Tendam, ademais de impulsar proxectos desde a súa propia firma. A súa experiencia abrangue a transformación de espazos comerciais, a formación e o mentoring de equipos, así como a mellora dos procesos operativos e da experiencia cliente.


A proposta formativa concibe o empaquetado como unha ferramenta comercial capaz de achegar valor engadido ao produto, transmitir a identidade de cada establecemento e contribuír a crear unha experiencia de compra diferenciadora. Para iso, o programa combina coñecementos técnicos e exercicios prácticos adaptados ás necesidades reais do comercio, tendo en conta aspectos como os materiais, os custos, os tempos de execución e os acabados.


Ao longo das sesións, as persoas participantes traballarán diferentes técnicas de empaquetado, desde solucións rápidas para produtos de alta rotación ata propostas creativas, envoltorios para artigos irregulares e presentacións premium. O programa tamén abordará a personalización dos envoltorios, a integración da identidade de marca e a organización dos procesos de traballo en momentos de maior demanda comercial.


Con esta iniciativa, o CCA Carballo continúa apostando pola formación especializada como vía para impulsar a profesionalización, a innovación e a mellora continua dos establecementos asociados, ofrecendo recursos que permitan fortalecer a competitividade do comercio de proximidade e enriquecer a relación coa súa clientela.