O CCA de Carballo entrega os premios da campaña do Día do Pai e reforza o apoio ao comercio local

1 minutes read

O Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo fixo entrega dos premios correspondentes á súa campaña especial polo Día do Pai, na que se sortearon catro cheques por valor de 50 euros cada un entre a clientela participante.
A presidenta da entidade, Silvana Rama, foi a encargada de entregar os vales ás persoas gañadoras, todas elas residentes en Carballo, que poderán facer uso do seu premio nos máis de 95 establecementos adheridos ao CCA. Esta iniciativa, desenvolvida nas últimas semanas, tivo como principal obxectivo recoñecer a fidelidade e o compromiso dos consumidores e consumidoras co comercio de proximidade nunha data tan sinalada.
A campaña levouse a cabo entre os días 12 e 22 de marzo, período no que 49 negocios asociados repartiron máis de 5.000 papeletas entre os clientes e clientas que realizaron compras co gallo desta celebración. A diversidade da oferta comercial —que abrangue sectores como téxtil, calzado, deporte, complementos, informática, alimentación, beleza ou libraría— contribuíu a dinamizar a actividade e ofrecer múltiples opcións de agasallo.
As persoas premiadas nesta edición son Alberto Sánchez Rama, Patricia Varona Lema, Carolina Carreira Pacoret e Samantha Bocija Gundín, que xa contan cos seus cheques para investir no comercio local ata o vindeiro 12 de maio.
Desde o CCA destacan a excelente acollida da campaña e agradecen a implicación tanto dos establecementos participantes como da cidadanía, subliñando que este tipo de accións reforzan o tecido comercial e fomentan o consumo responsable e de proximidade.
Así mesmo, a entidade avanza que xa está a traballar na próxima campaña con motivo do Día da Nai, que chegará con novas propostas, premios e iniciativas para seguir incentivando as compras no comercio de proximidade.