O CCA de Carballo lánzase un ano máis ao Black Friday con descontos especiais en 24 comercios da vila

2 minutes read

O Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo súmase un ano máis á campaña do Black Friday, que se celebrará os días 28, 29 e 30 de novembro, cunha ampla oferta de descontos especiais e vantaxes exclusivas para toda a clientela. O obxectivo desta iniciativa é impulsar as vendas no comercio local e fomentar o apoio ao pequeno comercio, nun momento estratéxico previo á campaña de Nadal.
Ao longo desta última fin de semana do mes, 24 establecementos asociados ao CCA ofrecerán promocións moi diversas en produtos de moda, tecnoloxía, fogar e servizos variados, coa intención de atraer tanto a clientela habitual como a novos consumidores. Todos os comercios adheridos disporán dun vinilo identificativo nos seus escaparates para maior comodidade da clientela.
A presidenta do CCA, Silvana Rama, destaca a importancia desta acción comercial para dinamizar as nosas rúas: «É unha maneira de atraer clientela e darlle vida ás rúas nun momento clave antes da campaña de Nadal. Queremos que a xente vexa que o comercio de proximidade tamén pode ofrecer grandes descontos, pero cun valor engadido: a atención personalizada e a calidade dos nosos produtos», sinala.
Desde o CCA de Carballo anímase á cidadanía a aproveitar esta oportunidade para realizar as súas compras no comercio de proximidade, contribuíndo así ao fortalecemento do tecido económico local. «Mercar no noso comercio é investir no futuro da nosa vila, e esta campaña é unha oportunidade perfecta para que os clientes e clientas descubran a variedade e a calidade que ofrecemos aquí, sen ter que saír de Carballo», destaca a presidenta da entidade comercial.
Comercios participantes
A Fragua de Mo, Akira, Aloe Herboristería, Atelier, Atmósfera Sport, Benetton, Comercial Queijo, Confecciones San Juan, D&A Complementos, DV Carballo, Ekaté, Emiliano Moda, Informática Valem, La Casita de Lu, Lencería Mª José, Merliño Xoguetería, Muebles Fuentes, Óptica Enríquez, Orange Carballo, Retoños, Teirón, Todo Lar, Xoiería Vessali e Zapatillería Isabel.