O CCA de Ordes dinamiza o comercio coa iniciativa da Noite Branca


A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, destacou o traballo da Asociación de Empresarios e Comerciantes de Ordes (Aecor) para dinamizar o sector con iniciativas como a Noite Branca de Samaín, que se celebra ata o próximo sábado neste municipio coruñés.

Ao constituírse como centro comercial aberto, a asociación conta cun apoio da Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de máis de 40.000 euros, o máximo posible, dentro do programa para potenciar este tipo de iniciativas. Neste ámbito, a Xunta vén de conceder axudas por preto de 2,4 millóns de euros a 95 asociacións e federacións de comerciantes para impulsar a competitividade do sector coa posta en marcha de iniciativas que mobilizarán máis de 3,7 millóns de euros.

Na súa intervención, Vázquez Abeal sinalou que o apoio a estas entidades permite impulsar o papel dinamizador do comercio na actividade das vilas e cidades galegas a través de iniciativas que permiten atraer clientela e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores na actual situación económica.