O Centro Dramático Galego (CDG) inicia a xira da súa última produción Ás oito da tarde, cando morren as nais a vindeira semana en Cee, segundo se anunciou nunha rolda de prensa celebrada na vila da Xunqueira e na que participou o director da unidade teatral da Xunta, Fran Núñez, e a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela. Con dirección e dramaturxia de Marta Pazos, a montaxe leva a escena o texto da creadora escénica AveLina Pérez galardoado co Premio Álvaro Cunqueiro en 2018 e conta con Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado no elenco.
Ás oito da tarde, cando morren as nais estará no Auditorio Baldomero Cores do 5 ao 8 de maio. A primeira función, o xoves, destínase a alumnado de ensino Secundario e de Bacharelato. O venres e sábado, as sesións serán ás 21,00 horas e o domingo, ás 19,30 horas. As entradas para asistir están xa á venda na web ataquilla.com a un prezo de cinco euros, con descontos do 40% para diversos colectivos, e poderán adquirirse tamén no despacho de billetes. Recomendado para maiores de 12 anos, o espectáculo sitúa o público como elemento central e analiza de xeito crítico e irónico a relación entre o teatro e a súa recepción, cunha escenografía que reproduce un espazo de exhibición escénica.
A parte das realizacións artísticas confórmana Rut Balbís, como responsable do movemento, Hugo Torres, do espazo sonoro, Nuno Meira, da iluminación, e Blanca Añón, da escenografía. Completan o equipo Pier Paolo Álvaro e Esther Quintas, quen asumen o vestiario e a caracterización, respectivamente. Nas asistencias figuran Iria Azevedo, na de dirección, Pablo Chaves Maza, na de escenografía, Roger Portal Cervera, na de vestiario, e Xandre Vázquez, na de produción.