O proxecto será posible grazas á colaboración entre a ANPA, a Concellería de Educación do Concello de Ponteceso e a empresa EDP Renováveis, que vén de facer unha doazón de 60 tabletas dixitais de última xeración que permitirán cubrir as necesidades de toda a comunidade escolar.
Martín Varela, presidente da ANPA, da que tamén forma parte o concelleiro Miguel González como membro da xunta directiva; a concelleira de Educación, Maite Chouciño, e o alcalde, Lois García Carballido, participaron no salón de sesións do Concello de Ponteceso no acto de recepción dos equipos informáticos que se poñerán a disposición de todo o alumnado do colexio cormelán.
O proxecto «Aulas Tecnolóxicas» xurdiu coa intención de introducir na práctica docente unha serie de ferramentas que están presentes na vida cotiá, pero, ata o momento, non nas aulas. De feito, o CEIP As Forcadas non dispoñía de ningunha tableta, polo que se iniciaron os contactos que finalmente permiten rematar con esa precariedade tecnolóxica.
Dende o colexio de Corme destacan que o uso da tableta aumenta as interaccións do profesorado co alumnado, mellora o clima na aula e incrementa a motivación cara á aprendizaxe. É, ademais, un instrumento que ofrece información multimedia, interactiva e inmediata, favorece a aprendizaxe personalizada, mellora determinadas competencias dos nenos e nenas, favorece o desenvolvemento da autonomía persoal e reforza a creatividade dos escolares e as súas capacidades sensoriais.
O alcalde de Ponteceso agradeceu este novo xesto que reforza o compromiso da empresa EDP Renováveis coa sociedade do Concello.
52