- A actuación realizada forma parte do programa anual de investimentos do Concello de Carballo
O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, achegáronse hoxe ata o CEIP Bergantiños para ver as obras de mellora que se están a realizar no centro, e que forman parte do programa anual de investimentos que leva a cabo o Concello de Carballo en función das peticións que se recollen a final de curso en todos os colexios e escolas unitarias.
A principal actuación, xa rematada, é a instalación de novos portais de acceso que melloran a seguridade, xa que están dotados dos mecanismos precisos para facilitar a evacuación no caso dunha emerxencia, e melloran o confort do edificio, tanto polo illamento térmico como pola entrada de luz natural que aportan grazas ás grandes cristaleiras colocadas. Tamén se mellorou a accesibilidade, substituíndo as escaleiras de acceso por unha rampla, e agora están pendentes a pintura e uns remates de aluminio.
Por parte da directora do centro, que acompañou aos representantes do Concello durante a visita, realizouse unha valoración moi positiva das obras realizadas, que supoñen un cambio moi importante nun colexio que celebra este curso o seu 40 aniversario.
O CEIP Bergantiños foi inaugurado no curso 1979-1980 como resposta á falta de prazas de educación infantil e primaria que existía no núcleo urbano. Este curso ten case 700 alumnos/as e dispón dun servizo de comedor no que tamén se renovou o teito por parte da Consellería de Educación que utilizan 120 nenos e nenas.