O CEIP de Caión colaborará este venres na limpeza simultánea de praias


Trátase dunha limpeza organizada pola ADEGA (Asociación para a defensa ecolóxica de Galicia) simultaneamente en varios puntos de Galicia para os días 16 (para centros educativos) e 17 de outubro. Ante o gran problema que está a supoñer a contaminación dos nosos mares polo vertido indiscriminado de lixo e plásticos, desde o CEIP de Caión afirman que é de vital importancia inculcar no alumnado actitudes de respecto e coidado do medio ambiente, e coidan que non hai mellor maneira de facelo que atallando o problema dende o máis próximo, o que ven cada día. Por esta razón, afirman recibir con gratitude a invitación por parte da ADEGA de colaborar nesta IX Edición da limpeza simultánea de praias. O Concello da Laracha tamén colaborará dun xeito activo, facilitando medios e materiais precisos para que a limpeza poida facerse segura e eficazmente.