O CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso contará cunha nova sala multiusos

1 minutes read

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, informou que a Xunta de Galicia vai acometer varias actuacións no CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso cun investimento de máis de 85.000 euros que suporá adaptar esta infraestrutura ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.
A actuación ten un prazo de execución de dous meses. O proxecto propón a adaptación do espazo da piscina para a creación dunha sala multiusos para o centro educativo e inclúe tamén mellorar as instalacións e as condicións térmicas deste espazo.
Segundo explicou o representante do Goberno autonómico, esta importante actuación ten por obxectivo primordial mellorar o confort dos alumnos e profesores que cada día interactúan no centro e vai na liña das pautas marcadas no Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia. Este plan supón avanzar nun novo concepto de centros educativos ao servizo dos novos retos educativos do futuro que pasan por atender non unicamente as necesidades académicas, senón tamén as sanitarias e as tecnolóxicas.