O CEIP Fogar de Carballo é un dos 55 colexios galegos incluídos no proxecto piloto de vacinación contra a gripe dirixido a alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria. O alcalde, Daniel Pérez, e a concelleira de Sanidade, Maica Ures, achegáronse ata o centro para acompañar á delegada territorial da Xunta de Galicia, Belén Do Campo, coincidindo coa vacinación dos 338 nenos e nenas cuxas familias quixeron, de xeito voluntario, participar na campaña.
O alcalde agradeceu a inclusión do centro carballés na campaña, felicitou ao persoal sanitario que se desprazou ao colexio para realizar as vacinacións, e destacou que se a iniciativa cumpre os seus obxectivos de contribuír á mellora da saúde e facilitar a conciliación, evitando que as familias teñan que desprazarse cos nenos e nenas aos puntos de vacinación, será moi positiva.