O CEIP Milladoiro de Malpica premiado no IV Concurso de Podcasts ‘Radio na biblio’


A Xunta de Galicia, en colaboración coa Radio Galega, vén de premiar o traballo do centro de ensino CEIP Milladoiro de Malpica de Bergantiños no o IV Concurso de Podcasts Radio na biblio, que este ano se centra na figura do poeta, articulista, tradutor, editor, activista cultural e político no exilio Florencio Delgado Gurriarán. O obxectivo do certame é estimular, mediante o recoñecemento de boas experiencias, a elaboración de produtos radiofónicos en galego, reforzar a lectura de poesía nesta lingua ou o achegamento ao mundo da edición, da tradución e da cultura galega en América.

O certame consta de catro modalidades, segundo o nivel do ensino (Infantil e primeiro ciclo de Primaria, resto de Primaria, ESO e unha cuarta para Bacharelato, ensinanzas de persoas adultas ou ciclos formativos). O traballo premiado conta cunha asignación de 1.000€. O equipo galardoado poderá visitar as instalacións da Radio Galega en Santiago de Compostela. O traballo premiado será emitido por esta emisora e será difundido a través da súa páxina web e da canle dixital do Diario Cultural.

Puideron participar neste concurso os 138 centros públicos participantes no programa Radio na Biblio, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, así como outros centros que traballan xa co laboratorio de radio como ferramenta pedagóxica. Nesta cuarta edición do certame participaron 70 centros educativos que enviaron 105 traballos. Centros de Cedeira, A Guarda, Vigo e A Coruña tamén resultaron galardoados.