O CEIP Otero Pedrayo da Laracha acolleu unha multitudinaria exhibición solidaria da Garda Civil

Asistiron durante toda a mañá deste martes uns 2.000 escolares dos catro centros de ensino da Laracha (o colexio anfitrión, CEIPs Alfredo Brañas de Paiosaco e de Caión e IES Agra de Leborís) e doutros municipios próximos como Carballo, Arteixo, Coristanco ou Zas, entre outros. Na inauguración da xornada contouse coa presenza do alcalde, José Manuel López Varela, de varios edís da Corporación municipal e tamén do subdelegado do Gobero, Julio Abalde.

A exhibición, enmarcada dentro do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos, desenvolveuse nun ambiente moi participativo e educativo, tanto entre o persoal da Guardia Civil como entre o público asistente. O alumnado amosou un enorme interese nas explicacións, nos vehículos e nos equipos empregados polas distintas unidades, así como nos simulacros e demostracións prácticas que se realizaron ao longo da mañá.

Durante a xornada participaron numerosas unidades da Guardia Civil, que amosaron os seus medios e o seu labor cotián:

  • Servizo Cinolóxico, cos seus cans adestrados para a busca de persoas, drogas e explosivos.
  • GEDEX (Grupo de Especialistas en Desactivación de Artefactos Explosivos).
  • USECIC (Unidad de Seguridad Ciudadana de Comandancia).
  • UOPJ (Unidad Orgánica de Policía Judicial).
  • SEPRONA (Servicio de Protección de la Naturaleza).
  • PAFIF (Patrulla Fiscal y de Fronteras).
  • Equipo PEGASO (Policía especialista en gestión aeronáutica y seguridad operacional).
  • Seguridad Ciudadana.
  • OMAP (Oficina Móvil de Atención al Peregrino).
  • GEAS (Grupo de Especialistas en Actividades Subacuáticas).
  • ERIM (Equipo de Rescate e Intervención en Montaña).
  • Subsector de Tráfico.

Na inauguración da xornada contouse coa presenza do alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, de varios edís da Corporación municipal e tamén do subdelegado do Gobero, Julio Abalde.

Por causa das condicións meteorolóxicas adversas, o helicóptero da UHEL non puido finalmente desprazarse ata o colexio. A Guardia Civil confirmou, non obstante, que visitará o centro nunha próxima data para que o alumnado poida coñecelo e aprender sobre o seu funcionamento.

A exhibición ten tamén un importante carácter solidario coa recollida de alimentos non perecedoiros que se destinarán a Cáritas da Laracha, reforzando así o compromiso da comunidade educativa e da cidadanía coa axuda ás familias que máis o precisan. A recollida continuba durante a tarde, xa que durante dúas horas abríronse as portas á cidadanía en xeral para que calquera persoa poidese tamén asistir á exhibición.

O Concello da Laracha agradeceu á Garda Civil a súa implicación e profesionalidade, así como a colaboración dos centros de ensino e de todas as persoas que participan nesta iniciativa que combinou educación, convivencia e solidariedade ao longo de toda a xornada.

Related posts

O Concello da Laracha mellorará a eficiencia enerxética do Centro Sociocultural da Insua de Caión

O pavillón de Baio e as súas instalacións, pechan por obras na cuberta do 27 de outubro ao 5 de novembro

Malpica deu a coñecer a súa XXI Mostra de Teatro