O CEIP Plurilingüe Pepe Xan Baña (Santa Comba) celebrou o Día Mundial da Radio


Unha das actividades máis salientables do centro é a súa emisora Radio Fuco, á que este mércores foi convidada a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, que foi entrevistada polos alumnos do centro. Radio Fuco creouse precisamente ao abeiro da iniciativa Radio na Biblio e hoxe é un espazo afianzado con programación específica sobre recomendacións lectoras, produción e dramatización de contos, espazos divulgativos sobre a contorna do propio centro, e unha sección dedicada a poesía e violíns, entre outros. Moito terían que aprender algúns. A conselleira Carmen Pomar salientou a importancia deste programa que sitúa as bibliotecas escolares como espazos clave de aprendizaxe e mellora das competencias lectoras, lingüísticas e comunicacionais dos rapaces, ao tempo que axudan tamén a fomentar o traballo en equipo.