- O concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, acompañou aos nenos durante os primeiros días
O pedibús do CEIP Xesús San Luís Romero botou a andar esta semana, e fíxoo con varios viaxeiros: 21 nenos que o usan para ir e volver do colexio e tamén un grupo de nais que se sumou estes días a este «pedibús». O concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, que participou no deseño das rutas xunto coas familias e a Policía Local tratando de buscar a maior seguridade para os seus usuarios, tamén quixo facer este camiño escolar.
O obxectivo último desta ruta é que os nenos poidan ir andando sós ao colexio con total seguridade e dunha forma organizada, reducindo deste xeito o tráfico na contorna escolar, fomentando a mobilidade peonil, contribuíndo a incrementar a autonomía infantil e axudando á conciliación e a establecer unha rede de apoio entre as familias participantes.
Este camiño, que conta con dúas rutas, foi posible grazas á implicación das familias, do centro educativo e tamén ás medidas de mellora da accesibilidade implantadas polo Concello de Carballo na contorna do centro. O Goberno local porá en marcha un plan de eliminación de barreiras arquitectónicas nos itinerarios máis utilizados polos nenos da Milagrosa para ir ao colexio; unha actuación que forma parte do paquete de obras que se financiarán con cargo aos fondos adicionais do Plan Único da Deputación da Coruña, cuxa contratación comezará en breve.
A posta en marcha do «pedibús» non é a única novidade no CEIP San Luís Romero neste inicio de curso. O colexio carballés é o único da Costa da Morte seleccionado para participar no proxecto “DigiCraft no teu cole”, promovido pola Fundación Vodafone España, en colaboración coa Consellería de Educación e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para reforzar as competencias dixitais do alumnado.