O CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo e o IES Álvaro Cunqueiro de Vigo fixéronse cos premios do Concurso-Exposición Letras Galegas 2019 que, como cada ano, convocaron a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Así o recolle o Portal da Lingua Galega e o Portal Educativo. O centro carballés, vencedor deste certame por segunda vez, obtivo o galardón na categoría de infantil e primaria polo seu traballo “Antonio Fraguas, con A de agarimo e F de folclore”, en tanto que o instituto vigués, coa exposición “Insuela”, resultou gañador na categoría de centros de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e restantes centros de ensinanzas especiais, ensinanzas deportivas e ensinanzas de idiomas. O certame escolar conta un ano máis coa colaboración de Feiraco.
Os dous centros educativos gañadores recibirán cadanseu premio en metálico por importe de 2000 euros, mentres que o profesorado implicado no deseño e posta en marcha das exposicións seleccionadas obterá unha certificación de premio de innovación educativa equivalente a 20 horas de formación (30 no caso do coordinador ou coordinadora do proxecto). Ademais, as dúas coleccións de 10 carteis que integran cada unha das mostras e as súas correspondentes guías didácticas imprimiranse e distribuiranse en máis de 2000 puntos de Galicia e do exterior. O obxectivo desta difusión é achegarlle ao alumnado, á sociedade galega, á colectividade emigrante e ao estudantado de galego no estranxeiro a figura de Antonio Fraguas Fraguas, a súa obra e o tempo que lle tocou vivir.
Nas vindeiras semanas os dous proxectos gañadores estarán a disposición do público no Portal da Lingua Galega, a canda outros materiais especialmente elaborados para conmemorar o 17 de maio, que este ano ten como protagonista de honra a Antonio Fraguas Fraguas.