O CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo recibiu o premio do Concurso-Exposición das Letras Galegas

2 minutes read

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e o secretario xeral de política Lingüística, Valentín García, entregaron este luns o premio do Concurso-Exposición das Letras Galegas ao CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo, nun acto celebrado no propio centro educativo. O certame escolar conta tamén coa colaboración de Feiraco, que estivo representada pola súa delegada comercial, Conchi García.

Carmen Pomar destacou o interese e o compromiso dos membros da comunidade educativa deste centro na elaboración dun traballo gañador que é “froito de factores como o traballo en equipo, a colaboración entre disciplinas, ou a implicación de profesorado e alumnado”.

A conselleira fixo ademais fincapé en que o proxecto plasma á perfección os valores de Antonio Fraguas, “unha persoa boa e xenerosa, un mestre con verdadeira entrega e vocación ao ensino”, e cun gran amor pola cultura e polas tradicións galegas. Citando ao actual presidente da Real Academia Galega, convidou o alumnado a seguir investigando na figura e na obra de Antonio Fraguas, pois “el abre para todos nós a explicación profunda da nosa identidade: o tesouro inmenso da cultura popular”.

Pola súa parte, o secretario xeral de Política Lingüística incidiu no feito de que “nos carteis que gañaron o concurso percíbese o enorme traballo que hai detrás da exposición gañadora, tanto por parte do profesorado como por parte do alumnado”; un traballo que, en opinión de Valentín García, levou os rapaces e rapazas de Carballo “a coñecer moito mellor a Antonio Fraguas e a ver nel un exemplo de comportamento coherente e comprometido coa lingua e coa cultura galegas”.

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañados polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro e o alcalde de Carballo Evencio Ferrero entregaronlle o premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2019 na modalidade de Educación Infantil e Primaria ao CEIP Xesús San Luís Romero no centro educativo.