- Os muros estanse cubrindo con morteiro de cal para que o material dos mesmos quede protexido
O concello de A Coruña viuse na obriga de aclarar nun comunicado as obras de rehabilitación na entrada do cemiterio de Santo Amaro e, en concreto, sobre os muros de cachotería de pedra, debido ás queixas e dúbidas dos veciños.
No comunicado explícase que foi necesario retirar dos muros o morteiro de cemento para proceder á limpeza e saneamento dos mesmos, e así poder cubrilos de novo con morteiro de cal «xa que este tipo de material non se pode deixar á vista porque quedaría desprotexido ante os axentes erosivos do ambiente».
Desde o concello sinalan que ao non tratarse de pedra de cantería, a normativa urbanística municipal non permite deixalos á vista porque poden sufrir danos, sobre todo, por estar tan próximo o mar.
Ademais, segundo os técnicos municipais «é tradición nas cidades galegas calear os muros para protexelos e tecnicamente é unha solución correcta e válida». Neste caso, foi Patrimonio quen requeriu que se utilizase o morteiro de cal para este proxecto que aprobou a concellería de Emprego do anterior mandato dentro dun obradoiro que, por cuestións de tempo, non se rematou e que está a finalizar agora o servizo de Edificación, todo baixo a supervisión de Patrimonio da Xunta.