O cemiterio municipal de Carballo, controlado no día de Defuntos polas novas restricións sanitarias

Reunión tema 'Día de Difuntos'_Cedida

  • As misas do 1 e 2 de novembro celebraranse na igrexa parroquial co 50% da súa capacidade

As novas medidas de prevención da Covid-19 que entraron en vigor ás 00.00 horas deste xoves, e que terán unha vixencia mínima de 14 días, obrigan a establecer condicións especiais de acceso ao cemiterio municipal durante as celebracións de Defuntos. Este xoves celebrouse unha xuntanza na que participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane; o xefe da Policía Local, Roberto Mosquera, e o párroco de Carballo, José García Gondar, e na que se adoptaron varias medidas de prevención e seguridade.

En primeiro lugar pídeselle á veciñanza de Carballo que realice as visitas ao cemiterio de forma escalonada e que ademais limite o tempo de estancia no recinto onde, con motivo das novas restricións sanitarias establecidas pola Xunta, a ocupación será como máximo do 50%.

Durante a fin de semana de Defuntos o acceso ao cemiterio municipal estará controlado para evitar aglomeracións, e no camposanto habilitarase unha porta de entrada e outra de saída.

Na reunión tamén se acordou que as tradicionais misas dos días 1 e 2 de novembro non terán lugar no cemiterio, senón na igrexa municipal nos horarios habituais: o domingo ás 17:00 horas e o luns ás 11.00 horas. O aforo tamén estará limitado ao 50%.