O Centro Calvo Sotelo acollerá parte dos efectivos do parque de bombeiros

Cedida.

A Deputación cede temporalmente ao Concello da Coruña parte das instalacións do IES Calvo Sotelo, na rúa Archer Milton Huntington, para situar alí unha dotación do parque de bombeiros, co obxectivo de non concentrar nun único emprazamento físico todos os efectivos e garantir así un adecuado servizo á cidadanía durante a crise santiaria do coronavirus.

Dous camións dos bombeiros coruñeses estarán desprazados no Calvo Sotelo, onde se habilitarán tamén seis estancias da residencia para os profesionais, que poderán ser ampliadas a demanda do Concello da Coruña en función das necesidades futuras.

A Deputación seguirá levando a cabo todas as medidas de colaboración institucional ao seu alcance para contribuír a paliar os efectos da actual crise sanitaria.

Neste sentido, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, conversou telefonicamente con numerosos alcaldes e alcaldesas da provincia para coñecer a situación e necesidades de cada municipio e como a Deputación pode axudar en cada caso.