O Centro Comercial Aberto de Carballo organizará a 1ª Feira Temática sobre “BioSaúde”

Os días 10 e 11 de maio, o Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo organizará este evento pioneiro que poñerá o foco na promoción do consumo responsable, os hábitos saudables e o respecto polo medio ambiente, que foi presentado esta mañá na Casa do Concello, e contou coa presenza da presidenta do CCA Carballo Silvana Rama e o secretario da entidade Sergio Soneira, aos que acompañaron o concelleiro de Feiras e Mercados Ramón Varela e o alcalde Evencio Ferrero.

Esta feira, que se celebrará ao aire libre na Praza do Concello, quere ser un espazo de encontro arredor da saúde, o benestar e a natureza, reunirá a quince expositores, na súa maioría locais, procedentes dos sectores da alimentación, cosmética natural, moda sostible, terapias alternativas, nutrición ou produtos de hixiene e limpeza sostible.

Ademais da zona de expositores, que estarán situados no corredor da Praza do Concello, durante toda a fin de semana celebraranse actividades paralelas encamiñadas a concienciar a sensibilizar á poboación sobre diferentes aspectos relacionados coa nosa saúde e o medio ambiente. Así, desde o sábado pola mañá, o público que o desexe poderá asistir á diferentes charlas sobre saúde, nutrición, cosmética natural e estilo de vida sostible, a cargo de profesionais especializados nas diferentes materias. Tamén haberá actividades interactivas e recreativas para o público infantil e adulto, pensadas para fomentar a sensibilización e a educación ambiental. E xa, o domingo pola mañá, terá lugar un showcooking con receitas saudables elaboradas con produtos naturais e de proximidade.

Para garantir o aforo e unha boa organización, recoméndase inscrición previa enviando un correo a info@ccacarballo.com. En caso de dispoñibilidade, tamén haberá entrada libre.

Related posts

O presidente da Xunta participou no Interreg Cooperation Day 2025, celebrado este venres no Miradoiro de Fisterra

Carballo impulsa o programa C4S para fortalecer os negocios turísticos locais

A Xunta avalía os dous últimos proxectos desenvolvidos polo GALP Costa da Morte