O Pazo de Arenaza recibiu este mércores a visita do deputado responsable da área de Emprego, José Ramón Riobóo Castro, e do alcalde de Oleiros e deputado provincial, Ángel García Seoane, que acudiron ao espazo de traballo para comprobar en primeira persoa o funcionamento do primeiro centro de traballo colaborativo impulsado pola Deputación da Coruña neste singular inmoble oleirense, que data de 1925 e que foi obxecto dunha importante reforma por parte da institución provincial.
O Pazo de Arenza está traballando xa a pleno rendemento, con 18 proxectos empresariais implantados (6 deles en fase de incubación) nos que traballan na actualidade 25 persoas, a súa capacidade máxima. A maioría dos emprendedores/as proceden de concellos da área coruñesa coma A Coruña, Oleiros, Sada, Culleredo e Cambre e desenvolven actividades ou ofrecen servizos relacionados co eido da arquitectura, o urbanismo, a enxeñería, as enerxías renovables ou o interiorismo; aínda que tamén hai proxectos do ámbito tecnolóxico, creativo, da saúde e benestar ou de comunicacións.
Riobóo e García Seoane percorreron os 780 metros cadrados cos que conta o Pazo, que oferta 25 espazos de traballo e conta con salas de reunións, unha sala de 30 m2 destinada á presentación de proxectos, aulas de formación, áreas de descanso, despachos, cociña, xardíns e outros espazos comúns e versátiles, que xa foron bautizados con nomes como a Sala Lareira ou a Sala Fernández-Albalat e que, ademáis da actividade profesional cotiá dos emprendedores, permiten o desenvolvemento de diferentes accións formativas ou eventos empresariais.