O Centro de Interpretación do Pico Sacro abrirá de venres a domingo ata o 16 de outubro

Cedida.

O Centro de Interpretación do Pico Sacro ocupa a antiga casa reitoral da parroquia de Santa María de Lestedo (século XVIII) e constitúe un marabilloso exemplo de arquitectura rural galega. No seu exterior conta cun espazo axardinado cun hórreo e unha fonte de auga fresca que mana directamente do Pico Sacro. No seu interior, a planta baixa acolle a oficina de turismo de Boqueixón e unha sala de audiovisuais; mentres que na parte alta podemos desfrutar dunha exposición permanente: “O Pico Sacro nos dominios da raíña Lupa”, que nos achega dun xeito gráfico e didáctico a toda a maxia que rodea ao Monte Sagrado. A exposición está dividida en catro eixes temáticos: “Un fito xeolóxico”, “O lugar do mito”, “O monte sagrado” e “A evolución histórica” distribuídos en torno a unha maqueta do Pico Sacro e a súa contorna.