O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) desenvolveu en 2019 un total de 48 proxectos e convenios de colaboración a nivel nacional e internacional e ata 235 accións de divulgación, entre as que destacan máis de 40 publicacións científicas ou divulgativas. Dependente da Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), o CIAM eríxese así como un dos referentes da investigación agraria en Galicia e como un dos activos máis importantes da Consellería no tocante á I+D+i e á transferencia de coñecementos ao sector primario.
Entre os 48 proxectos desenvolvidos, resaltan dous de ámbito europeo que teñen que ver, en concreto, coa incorporación das novas tecnoloxías aos sistemas produtivos do sector agroalimentario (SmartAgriHubs) e coa produción de leite eficiente e resiliente (Dairy-4-Future). A nivel nacional, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo formou parte de dous grupos operativos, un relacionado cos sistemas de información xeográfica para mellorar o manexo da gandaría extensiva (SIEGA) e outro sobre a produción do lúpulo (Spanish Quality Hops). Así mesmo, participou en catro proxectos relativos á autenticación da orixe alimentaria do leite de vacún, ao fomento do pastoreo en zonas de montaña, á xestión dos xurros e a eficiencia do uso de nutrientes para a mitigación de emisións de gases de efecto invernadoiro e o secuestro do carbono no solo ou ao control de enfermidades da cabana gandeira.
Canto ás 235 accións de divulgación, a maiores das máis de 40 publicacións científicas e divulgativas que se levaron a cabo o ano pasado, destacan outras actividades de transferencia de coñecemento consistentes en asesoramento científico, campos de demostración e ensaio, charlas, seminarios e conferencias, publicacións en medios de comunicación, xornadas e visitas técnicas ou reunións científicas.