O Centro Dramático Galego comeza a ensaiar ‘A peste’ para a súa estrea en xaneiro


O Centro Dramático Galego (CDG) comeza no Salón Teatro de Santiago de Compostela os ensaios da nova produción A peste, cuxa estrea está prevista para o 20 de xaneiro nese mesmo escenario. O equipo dirixido por Cándido Pazó, quen asina tamén a dramaturxia, iniciou co traballo de mesa a preparación da posta en escena do espectáculo inspirado na novela homónima do autor franco-arxelino Albert Camus, na que aborda de xeito metafórico as grandes pragas causadas polo ser humano.

Evaristo Calvo, César Cambeiro, Nacho Castaño, Xurxo Cortázar, Salvador del Río, Casilda García, Paku Granxa, Luís Iglesia, Tone Martínez, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Santiago Prego, María Roja, Santiago Romay e Carlos Sante compoñen o elenco que lles dará vida ás personaxes deste clásico.

A peza ofrece unha reflexión sobre o comportamento da sociedade e dos individuos durante situacións de crise. A través do personaxe do doutor Rieux, a historia narra os sucesos na cidade de Orán durante unha praga de peste que a asedia e pon os seus habitantes en corentena. Céntrase nos periplos das persoas encerradas, en como loitan contra a praga e lle buscan un sentido á súa situación, primeiro nunha loita egoísta pola supervivencia, logo a través do esforzo colectivo e comunitario.