O Centro Dramático Galego e Ainé clausuran este luns o FIOT de Carballo


Recortes, caneos e outras formas de driblar, o espectáculo do Centro Dramático Galego e Ainé sobre a cara oculta do mundo do fútbol, atoparase o vindeiro luns 31 co público de Carballo na función de peche do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT). A representación, que contará co sistema inclusivo de linguaxe de signos e audiodescrición posto en práctica pola compañía pública, será ás 21,00 h. no Pazo da Cultura carballés e con ela arrancará a xira galega que inicialmente levará esta produción por 11 escenarios ata febreiro de 2023.

Así, tras a súa estadía de case un mes no Salón Teatro de Santiago e da clausura do FIOT, o equipo de Recortes, caneos e outras formas de driblar porá rumbo cara a Ourense (Auditorio Municipal, 4 e 5 de novembro), Vigo (Teatro Afundación, do 11 ao 13 de novembro), Narón (Pazo da Cultura, 25 e 26 de novembro), Pontevedra (Auditorio Sede Afundación, 10 e 11 de decembro), Cangas (Auditorio Municipal, 23 de decembro), Burela (Auditorio da Casa da Cultura, 7 e 8 de xaneiro), Lugo (Auditorio Gustavo Freire, 13 e 14 de xaneiro), Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal, 20 e 21 de xaneiro), A Coruña (Teatro Colón, do 26 ao 28 de xaneiro) e Ferrol (Auditorio, 3 e 4 de febreiro). As entradas para a meirande parte das funcións da xira están xa están dispoñibles nas canles de venda habituais de cada espazo.