O Centro Dramático Galego reestrea en Santiago ‘A contenda do río Miño’

1 minutes read

O Centro Dramático Galego e a Companhia de Teatro de Braga reestrean este xoves no Salón Teatro de Santiago a súa produción A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño (A contenda do río Miño), versión da peza teatral escrita en 1671 por Gabriel Feixóo de Araúxo e da que se cumpre o 50º aniversario da súa primeira posta en escena pola compañía coruñesa Teatro Circo, da man de Manuel Lourenzo e José Estruch.

Os directores da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, anunciaron hoxe o regreso aos escenarios deste espectáculo, que poderá verse na sede da compañía da Xunta de Galicia ata o domingo 5 de febreiro. Tamén participou na presentación o elenco internacional, con intérpretes galegos e de fala portuguesa, que leva a escena a que é primeira peza teatral en lingua galega da que se ten constancia: Rogério Boane, Sílvia Brito, Carlos Feio, Eduarda Filipa, António Jorge, Grasiela Müller, Aisa Pérez, Valentina Picciau, Solange Sá e o propio Fran Núñez, quen asumiu tamén a dirección artística co apoio dramatúrxico de Rui Madeira, director da Companhia de Teatro de Braga.