O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou que o futuro centro loxístico das Pontes, no que colaboran a Xunta de Galicia e o Concello, será unha infraestrutura vital para dinamizar a economía local.
Conde visitou os terreos onde se vai desenvolver este proxecto, ao que a Administración galega achega preto de 250.000 euros. O centro loxístico vai estar emprazado nunha parcela de 9000 metros cadrados no parque empresarial de Penapurreira, onde disporá de dúas naves de loxística e almacenaxe, áreas de carga e descarga e oficinas.
A idea é que o proxecto axude a diminuír o impacto do peche da central térmica na actividade industrial da comarca, tendo en conta a oferta que hai na zona de empresas e autónomos con vehículos de mercadorías por estrada que, nos últimos tempos, viron reducido o seu nivel de actividade. A iniciativa forma parte do Pacto de Estado por Ferrol.