O centro ocupacional de Valadares, en Muros, celebra a “Semana da Igualdade” con varias actividades

Cedida

  • O colectivo ADISBISMUR busca promover entre os seus usuarios un pensamento crítico fronte os estereotipos sexistas

Con motivo do Día da Muller que se celebra este luns, 8 de marzo, a Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros (ADISBISMUR) organiza diferentes actividades dirixidas ás persoas usuarias do centro ocupacional de Valadares. Esta iniciativa pretende desenvolver un pensamento crítico de cara aos estereotipos sexistas, así como visibilizar as aportacións das mulleres galegas na nosa sociedade ao longo da historia.

Baixo o título de A Semana pola Igualdade, os actos poñeranse en marcha este luns coa entrega dun agasallo á muller máis lonxeva dos concellos de Muros, Outes, Mazaricos e Carnota, onde actúa ADISBISMUR. O presente estará formado por unha figura de cerámica elaborada polos usuarios do centro e varios produtos do horto ecolóxico que coidan eles mesmos.

Para o resto da semana hai programadas actividades dinámicas para fomentar a cooperación e a participación, como a elaboración de pulseiras para que cada persoa usuaria lle faga entrega á muller referente da súa vida. Un vídeo fórum, xogos de mesa e un encontro virtual con outra entidade membro de COGAMI, como é Amarai de Arzúa, son outras das actividades programadas durante a semana do 8 de marzo por parte da asociación.