O Centro Social de Imende é testigo das reunións e discrepancias sobre o plan de Pedra do Sal


Segundo argumentan desde o Concello estas reunións teñen como finalidade, dentro do proceso de participación veciñal permanente, aclarar as dúbidas que poida ter a veciñanza, que aínda disporá de dous meses, a partir da apertura do prazo de información pública, para consultar o documento e presentar alegacións a este plan especial de ordenación do núcleo de Pedra do Sal e de protección do seu entorno.

Nas sesións, ademais do equipo redactor do plan, participaron técnicos municipais, o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Planificación, Milagros Lantes. Dadas as medidas de prevención da COVID-19, o aforo é limitado, polo que, coa finalidade de facilitar a asistencia das máis de cen persoas inscritas, están previstas máis xuntanzas nas próximas semanas.

Momento das explicacións por parte de persoal do Concello.

Discrepancias

Paralelamente, unha plataforma de afectados, sen representante recoñecido, atopou apoio na formación política local Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto. Algúns veciños din temer que as súas propiedades sexan expropiadas, “algo que remataría con toda unha vida de esforzo e traballo”, “plan si, atracos non”, conclúen.

Xuntos Carballo sacou as súas conclusións sobre a presentación do plan no Centro Social de Imende por parte do Goberno local, sinalando que os ánimos están caldeados entre a veciñanza e denominaron a exposición de motivos como unha “parafernalia con falta de argumentos”. Carteis reivindicativos e unha pancarta na vía pública deron fe das discrepancias existentes en torno a este plan.

Pancarta reivindicativa colocada na vía pública.