O Centro Sociocomunitario de Caión acolle ata o día 31 a exposición fotográfica ‘O legado hispánico na illa de Guam’

Trátase dunha mostra cultural con máis de medio centenar de imaxes das pegadas españolas aínda presentes na Micronesia. Poderá visitarse de luns a venres en horario de 17:00 a 20:00 horas.

O organizador da exposición é Clark Limtiaco, investigador e asesor cultural de Guam, de onde é natural, e a mostra conta co patrocinio do Círculo Cervantino de Guam, cuxo administrador é Manuel Rodríguez.

A illa de Guam localízase no Pacífico occidental. Pertence aos Estados Unidos desde 1898, pero foi territorio español durante máis de tres séculos. Tivo unha gran relevancia nas épocas da exploración e do primeiro comercio global ao ser a escala máis importante na ruta marítima da Nao de China que conectaba os portos hispanos de Acapulco e Manila na Idade Moderna. Por ese motivo conserva a día de hoxe unha cultura mestiza.

Precisamente a exposición permite apreciar esa cultura a través de máis de cincuenta imaxes de elementos arquitectónicos de Guam, da súa gastronomía, danza, vestimenta, tradicións relixiosas e a lingua, incluíndo exemplos, tamén, da influencia galega. A mostra é de similares características e dá continuidade á realizada en Caión hai agora dous anos, pero con imaxes completamente renovadas.

Related posts

Rescatados os tres tripulantes dunha embarcación que afundiu na ría de Corcubión

O BNG de Vimianzo pide a creación dun centro de día no municipio

Íntegro e Máis Porvir organizan unha xornada formativa arredor da sexualidade e a diversidade funcional sen tabús