O centro sociocomunitario de Caión volverá acoller unha mostra artística

Maribel Castileira ‘XMÑ’.

Nesta ocasión trátase da exposición pictórica titulada Encontro a tres, composta por cadros de Isabel Soutullo, Josecho González e Maribel Castileira ‘XMÑ’.

A coristanquesa Isabel Soutullo realizou as súas primeiras exposicións a óleo sobre lenzo cun estilo moi próximo ao impresionismo e nas que reflectía a vida levada en sintonía coa natureza. No momento actual os seus traballos enfócanse cara o coidado do medio ambiente, empregando materiais naturais e reciclados.

A obra do carballés Josecho González está baseada na abstracción xeométrica que se caracteriza polo uso de distintas formas organizadas de maneira lóxica, mostrando unas pezas cheas de cor como tema principal para compoñer cada cadro dándolle ritmo e movemento. Así consegue crear harmoniosas conxugacións de plasticidade, cromatismo e forza formal, tratando de expresar cada cadro como unha obra en si mesma e animando a que sexa o observador quen interactúe e interprete a obra.

Maribel Castiñeira, natural de Leiloio pero afincada na localidade caionesa de Xermaña -motivo polo cal firmas as súas obras como ‘XMÑ’, destaca pola súa pintura intuitiva a través da que transmite os seus estados de ánimo, sufrimentos, paixóns e as circunstancias que a rodean, deixando fluír a creación no momento de pintar. Nas súas obras predominan as cores que a acompañan no seu día a día: os azuis do mar e o ceo e os verdes das árbores.

A exposición Encontro a tres será inaugurada o venres 30 de setembro ás 20:00 horas. Poderase visitar ata o 28 de outubro de luns a venres en horario de 17:00 a 20:00 horas.