- Contará con imaxes antigas recompiladas polo alumnado do IES Maximino Romero de Lema.
Será durante todo o mes de novembro en horario de visita de martes a venres de 15:30 a 21:30 horas e os sábados de 10:00 a 18:00 horas. Trátase dunha exposición de fotografías anteriores aos anos 70 do século XX recompiladas polos alumnos e alumnas de segundo de bacharelato da especialidade Imaxe e Son do IES Maximino Romero de Lema. A mostra, bautizada como “Ao son da fotografía”, está incluída dentro do proxecto “Ao son do rural” posto en marcha o ano pasado polo centro de ensinanza secundaria de Baio.
A exposición está composta por trinta imaxes de diferentes temáticas entre as que se inclúe a escola, traballos tradicionais, festas ou mesmo a emigración. Todas son fotografías que conforman un valioso patrimonio cultural e que son un gran medio de difusión de coñecemento en todos os ámbitos.
Este é o primeiro paso dun proxecto moito máis ambicioso que ten como obxectivo crear un arquivo fotográfico dixitalizado que recolla o pasado cultural, principalmente enfocado no rural, o modo de vida e as costumes da zona.