O Centro Sociocultural de Baio acolle unha nova exposición coas obras do pintor Ismael Galego

1 minutes read

O Concello de Zas continúa coa súa aposta pola cultura e as artes plásticas cunha nova exposición no Centro Sociocultural de Baio.

O pintor Ismael Galego trae as súas obras nas cales plasma paisaxes e elementos emblemáticos do noso país, como hórreos, festas, portas, rúas,… cunha técnica realista. Ismael Galego naceu en Agolada (Pontevedra) e é enxeñeiro de formación, profesión que exerceu ata o ano 2014. Nese momento comezou a dedicarse á pintura, descubrindo unha faceta artística que se convertería na súa verdadeira paixón.

A través das súas obras, Ismael Gallego convídanos a viaxar polos recunchos máis auténticos de Galicia, capturando a beleza da vida cotiá e o encanto das nosas paisaxes. A súa pintura é unha homenaxe á terra, á tradicioón e á mirada curiosa.

Inauguración

O vindeiro luns, 3 de novembro, ás 18:00 horas terá lugar a inauguración da exposición na que estarán o propio pintor xunto co Alcalde de Zas, Manuel Muíño. 

A mostra poderá verse ata o 12 de decembro co seguinte horario de visita:

  • De martes a venres, de 15:30 a 20:30 horas.
  • Sábados, de 10:00 a 14:00 horas.

Esta é a segunda mostra que forma parte do ciclo de exposicións no Centro Sociocultural de Baio iniciado este mes de outubro e que se estenderá ata o mes de maio.