O Centro Sociocultural de Baio acollerá a exposición ‘Cores da alma’ do artista José Maynat

2 minutes read

O Concello de Zas acollerá a partir do vindeiro luns, 4 de maio, a exposición ‘Cores da alma’, unha mostra do artista catalán José Maynat na que tamén participa o seu fillo, Josep Maynat, con cinco acuarelas.

A exposición propón un percorrido artístico no que a cor é a gran protagonista, dando lugar a obras nas que os tons cobran vida e se fusionan coa arte das letras, creando unha experiencia estética singular. A inauguración terá lugar o luns 4 de maio ás 17:00 horas no Centro Sociocultural de Baio.

A mostra poderá visitarse de xeito gratuíto ata o 30 de maio, en horario de martes a venres de 15:30 a 20:30 horas, e os sábados de 10:00 a 14:00 horas. Esta será ademais a última exposición deste ciclo cultural, que se pecha agora no mes de maio. A programación retomarse en outubro cun novo ciclo, para o que o Concello xa ten confirmadas exposicións ata maio de 2027.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou a importancia desta proposta cultural, explicando que “é unha satisfacción poder achegar ao noso concello propostas artísticas de calidade como esta”. Muíño engadiu tamén que “desde o Concello seguimos apostando pola cultura como motor de dinamización social e como unha ferramenta fundamental para enriquecer a vida da nosa veciñanza”.

José Antonio Maynat Díaz (Canet de Mar, Barcelona, 1963) é un artista plástico cunha ampla traxectoria que combina a súa actividade pictórica coa creación literaria. É autor de diversas publicacións, entre as que destacan ‘Historia dels Escacs a Canet de Mar 1943–2011’, ‘Cuentos cortos. El drac que li agradava jugar a escacs’ e ‘Dos culturas, una misma huella’, esta última en colaboración coa escritora mexicana Angélica Domínguez.

Ao longo da súa carreira participou en numerosos eventos literarios e artísticos, como a “Tarde literaria. Más allá del silencio, Amada Libertad”, organizada polo Consulado Xeral de El Salvador en Milán, e foi recoñecido en 2017 co segundo premio no Concurso Internacional de Poesía, Prosa e Arte Figurativa La Fenêtre Éterea de Milán.

No ámbito expositivo, conta con múltiples mostras individuais en espazos culturais de Canet de Mar, Arenys de Munt e Arenys de Mar, así como unha destacada presenza en exposicións colectivas de carácter internacional en Europa e América.