O vindeiro sábado, 28 de febreiro, ás 18:30 horas terá lugar a inauguración da mostra fotográfica e de pintura “Galicia en Luz e Cor: Unha viaxe visual polos seus mares, cidades e rostros”.
A exposición poderase visitar do 28 de febreiro ao 28 de marzo, de martes a venres, en horario de 15:30 a 20:30 e os sábados, de 10:00 a 14:00 h. Esta mostra eríxese como un sólido compendio de sensibilidades plásticas arredor da identidade galega, articulando un discurso visual que transita desde a inmensidade atlántica ata a intimidade do rural, desde o pulso urbano ata a épica silenciosa das xentes do mar e do campo.
Así, a través de técnicas diversas de acuarela, óleo, pastel, carbón e fotografía constrúese un mapa estético onde cada autor imprime a súa pegada estilística, evidenciando que a pluralidade formal non dilúe o relato común, senón que o enriquece con matices de fonda autenticidade.
As persoas creadoras que participan nesta exposición pertencen ao Grupo Lucet e son Rosario Puente, María José Puente, Melania Gómez, Ana Cancela, Julia San Martín, María del Carmen Valderde, Francisco Hervella, Dolores Mato e Salvador Galbán.
O grupo está conformado por creadoras e creadores plásticos que desenvolven na actualidade a súa actividade artística fundamentalmente arredor da técnica da acuarela, aínda que a proposta expositiva inclúe tamén pezas desenvolvidas en pastel, óleo e fotografía.
Ademais, varios dos seus integrantes contan cun relevante palmarés de premios acadados en exposicións e certames de pintura, o que supón un recoñecemento explícito á calidade técnica e ao valor estético das súas producións.
O alcalde, Manuel Muíño, desexou que “esta mostra teña unha gran acollida xa que configúrase como unha celebración da identidade galega a través de miradas diversas e complementarias, onde técnica, estilo e personalidade conflúen nun relato visual de notable coherencia e calidade artística”.