O Centro Sociocultural de Baio ofrece unha mostra fotográfica de Jorge Vilas sobre as libélulas

2 minutes read

O Centro Sociocultural de Baio inaugurou esta fin de semana unha nova tempada de exposicións despois do parón habitual durante os meses de verán. Fíxoo da man do fotógrafo Jorge Vilas Souto, cuxa mostra ‘Entre a auga e o ar’, centrada nas libélulas, tivo unha acollida moi positiva entre as persoas asistentes.

Manuel Muíño, alcalde de Zas, asegura que se trata dunha “exposición moi interesante sobre este insecto, cunha fotografía espectacular”. Así mesmo, agradece a colaboración de Jorge Vilas, que guiou ás persoas que acudiron ao local coas súas explicacións e descricións.

Ademais, sinala que “todo isto foi posible grazas ao traballo de Tania Carreira, que conseguiu que un grande artista, un gran fotógrafo da natureza, protagonizara a primeira exhibición da tempada”.

Esta exposición abriu as súas portas ao público o pasado venres, 2 de outubro, e estará dispoñible, de xeito totalmente gratuíto, ata o 13 de novembro. Poderá visitarse de martes a venres en horario de 15:30 a 20:30 e os sábados das 10:00 ás 14:00 horas.

O patrimonio natural e etnográfico galego a través dunha cámara.

Jorge Vilas Souto leva case dúas décadas, concretamente dende 2008, desenvolvendo un traballo estreitamente vinculado ao patrimonio natural e etnográfico de Galicia.

A súa obra abrangue diferentes ámbitos, que van dende a fotografía de paisaxe, con especial atención a elementos característicos da comunidade como as fervenzas e os muíños; ata a fotografía macro de odonatos e bolboretas, así como a fotografía de aves.

Dentro destas disciplinas, destaca principalmente o seu interese pola fotografía de insectos como as libélulas e os cabaliños do demo e polo estudo da súa bioloxía, á que dedicou boa parte do seu traballo. 

Este labor fotográfico pode consultarse nos seus blogues Galicia al Natural e Galicia Nature, nos que recolle moitas das imaxes capturadas ao longo dos últimos anos.