O certificado covid da Xunta “demoniza” o sector da hostalería, segundo o TSXG


O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) notificou este venres o auto polo que rexeita a petición da Xunta de autorizar a obriga de pedir o certificado covid nos locais de hostalería por non ser unha medida “idónea” nin “necesaria”.

O ditame adiantado o pasado sábado suspendeu a obriga de que os clientes de bares e restaurantes dos municipios en nivel alto e máximo de restricións e do lecer nocturno de toda a comunidade tivesen que presentar unha proba negativa de coronavirus, o certificado de vacinación ou de pasar a enfermidade.

A sala conclúe que a medida non é idónea, xa que non impide o contaxio, nin necesaria, polo menos, “no grao que resultaría esixible”. Os maxistrados afirman que “se as persoas que foron vacinadas ou padeceron a enfermidade, a pesar de desenvolver inmunidade fronte ao virus, poden ser potenciais transmisores do mesmo”, por parte da Xunta “non se explicou como se evitará o posible contaxio” de quen accedese ao local amparados polo documento dunha PCR ou un test de antíxenos, “que só acredita que no momento da súa realización non eran portadores do virus activo, pero non que gocen de inmunización algunha fronte a este”.

Resaltan os maxistrados na súa resolución que non lles parece “ecuánime demonizar o sector de servizos de hostalería establecendo agravios comparativos con outras actividades mercantís que se desenvolven en lugares pechados, como son os establecementos comerciais ou grandes superficies, en que, a pesar do seu uso masificado, non se esixe para o seu acceso a exhibición de ningún documento de carácter médico”.