As conmemoracións do 30 aniversario do CGAC, inaugurado o 29 de setembro de 1993, terán esta semana os actos centrais cunha completa programación que incluirá un espectáculo de danza vertical na fachada, unha proxección de vídeomapping, visitas guiadas en horario especial e unha noite de concertos, ao que se sumará tamén a inauguración dunha nova exposición que repasa a historia do CGAC vinculada á arte conceptual.
Todas as actividades poderán gozarse de balde e nelas terá unha importancia singular a propia arquitectura do CGAC, obra de Álvaro Siza. Así, a noite do venres 29, os muros exteriores e a terraza converterase en escenario dun espectáculo de danza vertical coa peza Finale, da compañía Delrevés. A partir das 21,00 horas mesturarase danza contemporánea e artes dixitais ao tempo que se incorporarán secuencias de danza clásica. De feito, dependuradas da estrutura do edificio, as bailarinas Saioa Fernández e Sheila Ferrer interpretarán pezas de ballets como O lago dos cisnes ou O Crebanoces.
Tras o espectáculo, realizarase unha sesión de vídeomapping en 3D sobre a fachada do museo a cargo de Maxina. Mediante un xogo de luces e ilusións ópticas, a proxección percorrerá os 30 anos de historia do CGAC evocando algunhas das obras que no seu día estiveron expostas nos seus espazos máis representativos.