O CHUAC remata 2022 como o segundo hospital de España en transplantes de corazón


Con 211 transplantes en 2002 o Complexo Hospitalario da Coruña mantense no ránking dos máis activos e sitúase como o segundo hospital de España que transplantou máis corazóns: 26. Esas intervencións salvaron a vida de dous nenos. Incrementar os doantes para transplantes pediátricos é o reto de 2023, cun protocolo que ata agora só realizan dous hospitais de Madrid.

Carlos Velasco, da Unidade de Cirurxía Cardíaca Infantil da área sanitaria da Coruña e Cee explica que o obxectivo é “intentando ampliar o espectro de doazóns a pacientes que non son exactamente do mesmo grupo sanguíneo que o paciente ao que imos transplantar. Isto pódese realizar en pacientes pediátricos por un tema de inmunidade, porque non teñen o mesmo rexeitamento que os adultos”.

Sumarían na memoria dun programa que comezou no ano 1981 e supera xa os 900 transplantes cardíacos. A responsable do programa de transplantes cardíacos desta área sanitaria, Marisa Crespo, lembra que: “Temos unha paciente de máis de 30 anos e este ano teremos outros catro pacientes que van chegar tamén aos trinta anos de supervivencia, con boa calidade de vida”. Con todo, o maior número de transplantes foron renais, 98, seguidos de 46 fígado, 38 pulmón e houbo 3 de páncreas.

A memoria recolle outra marca: a de doantes. En 2022 superaron o millar desde a posta en marcha do programa no ano 81. Fernando Mosteiro, coordinador de Transplantes na área sanitaria da Coruña e Cee destaca que: “As nosas cifras son de 67,5 doantes por millóns e poboación. Vinte puntos por riba da media nacional”. E destaca a importancia do si. Nesta área sanitaria, as negativas familiares están por baixo da media nacional e autonómica. Tiveron 6 de 43 entrevistas.