O CHUS contará cunha nova unidade de Ictus

1 minutes read

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou o novo proxecto da Unidade de Ictus que albergará o Hospital Clínico Universitario de Santiago, e anunciou a adquisición de equipamento tecnolóxico exclusivo na Sanidade Pública española para o tratamento dos trastornos do movemento.

Na compaña da xerente da área sanitaria Santiago de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez, do xefe do Servizo de Neuroloxía do CHUS, José María Prieto, e do xefe de Neurocirurxía, Miguel Gelabert, o responsable de Sanidade explicou a reforma que se levará a cabo no centro hospitalario e coa que se unificarán nunha sala única varias habitacións da área de Neuroloxía.  

Así, apuntou que unha vez sexa adxudicada a reforma, e tras un período de execución aproximado de dous meses, a nova Unidade para o tratamento do Ictus estará lista para atender as persoas que padezan esta doenza.  

Cun orzamento conxunto de 450.000 euros, entre a reforma e o equipamento, esta nova actuación insírese dentro do Plan ICTUS, o programa posto en marcha polo Sergas no ano 2016, e co que se acadou a diminución da mortalidade por mor desta patoloxía na comunidade galega.  

Entre os obxectivos marcados no Plan, García Comesaña lembrou que este procura reducir o tempo transcorrido entre o inicio dos síntomas e a chegada ao hospital, diminuír a demora na confirmación diagnóstica, axeitar o procedemento terapéutico ás necesidades específicas asistenciais do paciente, diminuír as secuelas producidas polo propio ictus, ademais de optimizar e coordinar a actuación entre os distintos profesionais sanitarios.  

O conselleiro de Sanidade puxo en valor o importante orzamento que destinará a Xunta de Galicia para o vindeiro exercicio no hospital de cabeceira da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, cun investimento que superará os 10 millóns de euros.