Despois de O gran camiño, A virxe roxa, A poeta analfabeta, Welcome to ma maison e Cuñados, o Ciclo Mestre Mateo continúa achegando a Carballo o mellor cinema galego, e para os últimos meses do ano tennos reservados tres novas películas finalistas dos prestixiosos Premios Mestre Mateo.
A Biblioteca Rego da Balsa será escenario dos Xoves de cine, que inclúe as seguintes propostas:
- 10 de novembro / Malencolía
- 17 de novembro / Tres
- 1 de decembro / Jacinto
Todas as proxeccións comezarán ás 20.00 horas. A entrada é libre e de balde.
Carballo é un dos 19 concellos galegos, e o único concello da Costa da Morte, incluídos no circuíto de proxeccións do ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual que conta co apoio das catro deputacións provinciais e da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia para facilitar o acceso da veciñanza do concello e tamén de toda a contorna ao cinema galego máis actual, poñendo en valor deste xeito o talento creativo do sector audiovisual, favorecendo o achegamento á cultura e ao idioma a través do cine e contribuíndo á diversificación da oferta cultural.