O CIM de Carballo prestou asistencia a 268 mulleres

1 minutes read
  • O servizo, que tamén atende aos concellos de Malpica e Ponteceso, pon a disposición das mulleres, de xeito gratuíto, todo tipo de recursos

O Centro de Información á Muller (CIM) de Carballo atendeu o ano pasado a 268 mulleres. Unha traballadora social, unha psicóloga e unha avogada son as encargadas de intentar dar resposta ás necesidades de información de carácter persoal, familiar ou laboral que poida ter calquera muller da zona. Os datos estatísticos revelan, sen embargo, que o perfil tipo da usuaria do CIM é unha muller de 25 a 54 anos, con estudos básicos e sen emprego.

A maior parte das mulleres acoden ao CIM porque precisan atención psicolóxica, asesoramento xurídico ou información sobre todo tipo de cuestións. As consultas relacionadas con violencia de xénero constitúen o segundo bloque en importancia, e xa en moita menor medida figuran as que teñen que ver con inmigración, discapacidade ou minorías étnicas.

O CIM ofrece servizo de asistencia psicolóxica por problemas familiares, adiccións, intervencións psicolóxicas ou mediación familiar. Así mesmo, presta asistencia xurídica para trámites de xustiza gratuíta, denuncias, separacións, sentenzas, dereitos laborais ou baixas e protección da maternidade e a paternidade. En ámbolos casos é preciso pedir cita previa no edificio de Servizos Sociais, chamando aos teléfonos 981 700 688 ou 638 123 460, ou enviando un correo electrónico a cim@carballo.gal.

Así mesmo, o Centro de Información á Muller pon á disposición das usuarias unha serie de recursos sociais relacionados con casas de acollida, planificación familiar, adopcións, oposicións, emprego, bolsas de estudo, apoio á creación de asociacións de mulleres ou cursos, conferencias e xornadas de interese xeral.